quarta-feira, 19 de fevereiro de 2014

Entrevista a Liviao de Marrao para El Progreso con motivo da nosa actuación nas festas de Chantada

Liviao de Marrao no concerto da Candeloria 2014. Fotos de Miguel Grandío @mixigodo


1.- Como nace Liviao de Marrao?

LM: Foi un proceso que se deu cuns referentes culturais e ideolóxicos de fondo. A xeración Xabarín, á que lle prometeron estar na lavadora do crédito e o consumismo rematou centrifugada pola precariedade, a débeda e o desemprego. No noso caso, ser da aldea e acreditar en Galiza como nación completou o paquete, desde a retranca e sen medo a dicir as cousas como son, sen por iso deixar de facer festa e pasalo ben.


2.- Imaxino vos farán moito esta pregunta... porque ese nome?

Sospeitamos que de chamarnos Swinerock ou Bastardpigs non o preguntarían tanto. Tamén preguntan porque empregamos o galego ou porque somos “políticos”... Non deixa de ser máis un exemplo de que algo pasa neste país... de que falta moito para que a expresión cultural galega estea normalizada. Do outro... xa se sabe que Franco dicía no se meta en política. Os ladróns que nos fan pagar a nós a crise para encherlle os petos aos banqueiros sempre quixeron que esteamos calando e vendo fútbol. Traballar a destallo sen pensar.

No fondo, o nome responde a un desexo de provocación... ten sonoridade e nada máis específico da aldea que a matanza e o marrao... Ningún vello che pregunta que significa o nome, só lles sorprende que alguén poda falar das cousas da aldea, esas que como non cotizan en bolsa despreza esta sociedade de horizontes mentais tan “austeros”.


3.- En que vos inspirades á hora de crear novos temas?

En nós e as nosas circunstancias. Somos fillos dun tempo histórico, dun espazo xeográfico e dunha clase social. Iso dá unha perspectiva do mundo que loita contra a uniformidade do Imperialismo de Mc Donall's. O resto é recorrer a elementos repertoriais das linguaxes musical e literaria: o rock, o ska, o punk, a música tradicional galega... e, sobre todo, o espírito bravú que actualizou aquela sentencia de Vicente Risco que dícia «ti dis que Galiza é ben pequena, eu dígoche que Galiza é un mundo» por esta outra «temos forza de abondo para tronzar o universo enteiro». Ao final, non deixa de ser o desexo de estar no mundo desde o noso recuncho galaico, de voltar a aquel punto do programa do Partido Galeguista que expresaba o seu internacionalismo: «Galiza, célula de universalidade».


4.- Este ano publicastes o voso primeiro disco, Matança eta filhoak, como está sendo a acollida?

As críticas que nos chegaron de momento foron bastante boas, aínda que a xente raramente che fai chegar o negativo. Por sorte, somos bastante autocríticos co noso traballo e vemos aspectos a mellorar en cada cousa que facemos, o que non tira que as cousas se vexan diferentes desde fóra. Autoeditamos 1.000 copias para vender e para distribuír en centros sociais, festivais, locais de hostalaría... Tamén conseguimos chegar a Alemaña, Italia, Euskal Herria, Aragón, Països Catalans... e a ver se conseguimos que o noso traballo penetre na Lusofonía.

Loxicamente, o noso público obxectivo é bastante reducido en Galiza, infelizmente, e iso cando felizmente hai numerosas bandas de altísima calidade que fan cousas parecidas a nós. Na música galega, a que se fai en galego, un dos grupos que máis vende hoxe é Ruxe-Ruxe e as tiraxes dos seus discos non pasan dos 2.000 dos que, con sorte, quizais venda a metade. Calquera grupo que cante en basco ou catalán ten unha oferta de selos discográficos e unhas canles de promoción e venda moito maiores.


5.- Como vedes o panorama da música galega?

Non vemos moito a Panorama ou Olympus... No tocante ao rock galego, a música bravú e abertxale como nos lle chamamos ironicamente, leva vivindo sempre na precariedade e os festivais mantéñense con esforzos titánicos e cunhas institucións que ofrecen máis atrancos que solucións, como mostra o último proxecto de lei sobre espectáculo de Fernando VII, presidente da Xunta.

Liviao de Marrao componse de 11 persoas e hai duos que cobram tanto ou máis ca nós... No entanto, isto non pode ser unha escusa por tras da que parapetarse. É necesario asociarse entre as bandas e procurar fórmulas para alongar o público da nosa oferta musical, o noso sustento e razón de ser en definitiva. Tamén hai que levar fóra o que facemos, porque aquí segue pensándose que todo o que vén de fóra é o que vale, o innovador, etc.


6.- Que significa para vós poder formar parte do cartaz do concerto rock deste venres en Chantada?

En Chantada sempre se nos tratou moi ben e iso que din que ninguén é profeta na súa terra. Vimos de pasalo en grande en Pantón e en Castro Caldelas, no Ponte Louco, e con esa mesma ilusión e gañas de rebentar a festa chegamos esta sexta feria. Amais, co aliciente de presentar novo gaiteiro, Manolo (Xorxe deixounos de momento...), e tocar con bandas do calibre de Dantebrama (Madrid), Kambotes (Rodeiro) e A Banda de Andrelo (Vigo). Se o público acompaña, como até agora sempre nos acompañou, #vaisearmar. Esperemos que o alcalde e a corporación fique contento da inversión.... @LiviaodeMarrao sempre se acorda da xente de ben.


7.- Tendes máis concertos confirmados nos próximos meses?

Vivimos ao día... o 31 de agosto estaremos en Esmoriz, parroquia de Chantada e longo andamos argallando unha serie de concertos para o outono-inverno... será unha época moi especial para nós porque o noso batería vai ser papá... A nosa intención e facer varios concertos ao longo do inverno.


8.- Estades traballando en novos temas? Que proxectos tedes de cara o futuro?

Sempre procuramos facer temas novos e, se as circunstancias persoais o permiten, procurar innovar. Iso só se consegue con ensaio, ensaio e máis ensaio. O segundo disco, que ben podería chamarse Partido Porcino: Un canado de unto. irá facéndose ao seu ritmo. Xa temos novas músicas e aínda que seguirá contando cos ingredientes principais do Matança eta filhoak! contará tamén cun perfil festeiro máis marcado. Outros proxectos, que pouco a pouco irán collendo forma, está tamén en camiño, mais preferimos mantelos aínda na clandestinidade que é onde se curan ben os xamóns e se trasfega a boa augardente...


Despedímonos desde o noso bunkertoco na Serra do Faro, Matança eta filhoak!

Sem comentários:

Enviar um comentário

Translate

E ti saes do clube?